INICIO Espazo ATLÁNTICO Proxecto CLIMATLANTIC
Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
Proxecto CLIMATLANTIC

O Proxecto CLIMATLANTIC foi presentado a través do Negociado de Planificación á segunda convocatoria de proxectos 2009 do Programa de Cooperación Transnacional ESPAZO ATLÁNTICO 2007-2013, resultando aprobado tal e como consta na comunicación do 13 de xaneiro de  2010, recibida polo xefe de fila.


Obxectivo final do Programa de Cooperación Transnacional ESPAZO ATLÁNTICO 2007-2013:

O obxectivo final que se persegue é consolida-la cooperación existente mediante estruturas tanxibles para lograr resultados operativos, concentrando a cooperación a través dos 4 eixes ou prioridades de intervención seguintes:

  • Eixe 1.- Promove-la iniciativa empresarial transnacional e as redes de innovación.
  • Eixe 2.-  Protexer e mellora-lo medio mariño e costeiro.
  • Eixe 3.-  Mellora da accesibilidade e vínculos internos.
  • Eixe 4.- Promove-las sinerxías transnacionais no desenvolvemento sostible urbano e rexional.


Obxecto do Proxecto CLIMATLANTIC:

O Proxecto CLIMATLANTIC encáixase no eixe ou prioridade 4 (Promove-las sinerxías transnacionais no desenvolvemento sostible urbano e rexional).

O obxectivo específico deste proxecto consiste na posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono.

A pegada de carbono (en castelán: huella de carbono) é canto dióxido de carbono (CO2) producímo-los cidadáns levando unha vida diaria normal. Unha ida e volta en coche ó traballo, prende-la luz da vivenda, un voo para ir de vacacións, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas. Cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen ó quentamento global.


Socios do Proxecto CLIMATLANTIC:

Participan neste proxecto entidades autonómicas, rexionais e locais de 5 países (España, Portugal, Francia, Irlanda e Gran Bretaña).

Orzamento do Proxecto CLIMATLANTIC:

  • O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER que ascende a 1.346.076,55 euros.
  • O orzamento total atribuído á Deputación de Ourense é de 203.500 euros, dos que a Deputación achegará  71.225 euros (35%). O 65% restante (132.275 euros) está cofinanciado polo FEDER.


Período de execución:

Do 1 de xaneiro de  2010 ata o 31 de decembro de 2012.

 Actividades do Proxecto CLIMATLANTIC nas que participa a Deputación para contribuír á redución da pegada de carbono e a loita contra o cambio climático.

1. Constitución de 4 ¨Think Tank¨ (un por país participante, salvo Gran Bretaña) para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible.

Tódolos socios contribuirán á creación dun Think Tank cos seus expertos. Este proxecto aspira á posta en común dos expertos de tódolos países do espazo atlántico para o diagnóstico da situación actual das políticas ambientais e a definición de estratexias e accións concretas para a loita contra o cambio climático, para que sexan levadas a cabo por autoridades rexionais e locais. Para iso levarase a cabo a elaboración da Carta do Atlántico sobre o desenvolvemento sostible para que sexa a base dunha futura axenda estratéxica do espazo atlántico en materia de redución da pegada de carbono.

Un think tank (locución inglesa que significa "catalizador de ideas") é unha institución investigadora ou outro tipo de organización que ofrece consellos e ideas sobre asuntos de política, comercio, etc.

Os 4 Think Tank serán:

1. PIAR DE MOBILIDADE (experto Deputación de Ourense)
2. PIAR DE ENERXÍA (experto Deputación de Ourense)
3. PIAR DE XESTIÓN DO TERRITORIO (experto Deputación de Ourense)
4. PIAR DE EDUCACIÓN AMBIENTAL (experto Deputación de Ourense)

Realizaranse 4 reunións de expertos nos dous anos do proxecto. Traballaran on-line para unha posta en común en cada un dos piares coordinados por un coordinador xeral (Eixo Atlántico) e un coordinador de cada piar.


2. Validación das estratexias anteriores a través da realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

  • A Deputación de Ourense participará conxuntamente con outros socios de Francia e Portugal nun proxecto piloto transnacional no ámbito da mobilidade para a redución da pegada de carbono, a través de actividades como condución compartida, condución ecolóxica ou a xestión sostible dos vehículos do parque móbil. A Deputación de Ourense participará nas reunións do grupo, así como no intercambio de experiencias no ámbito da mobilidade.
  • A Deputación terá un rol máis activo no grupo da enerxía. O proxecto piloto consistirá no aproveitamento da enerxía xeotérmica e solar térmica para dotar dunha instalación combinada de calefacción (100% con enerxías renovables) o Pavillón de Deportes ¨Paco Paz¨ (edificio pertencente á Deputación de Ourense).

Máis polo miúdo, preténdese a:

  • Instalación dunha planta solar térmica de alto rendemento para cubri-lo 70% da demanda enerxética da produción de auga quente sanitaria do pavillón.
  • Instalación dun campo xeotérmico e bomba xeotérmica para completa-lo 30% da demanda enerxética da auga quente sanitaria restante.
  • Adecuación da instalación á nova produción.


3. Promoción dun Debate Atlántico, con autoridades rexionais e locais, realización dun congreso final do proxecto en Ourense e aprobación da Carta do Atlántico (Axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible).

O congreso final do proxecto terá lugar en Coruña durante o terceiro trimestre do ano 2012 e centrarase en dar a coñece-las experiencias do proxecto. Tamén se realizará un debate final para suma-las contribucións para a elaboración final da Carta do Atlántico sobre desenvolvemento sostible urbano e rexional para a redución da pegada de carbono.


4. Difusión final  da Carta do Atlántico.

Buscaranse adhesións ó investimento final da carta, logo das achegas finais do congreso, entre as diferentes autoridades autonómicas, rexionais e locais. Posteriormente, transmitiráselle-la carta ás cinco autoridades nacionais dos socios que participan proxecto (España, Portugal, Francia, Irlanda e Gran Bretaña) e á Comisión Europea.


5.  Actividades de comunicación e xestión do proxecto.

© 2010 Negociado de Planificación - Deputación de Ourense