Proxecto Imagina Atlantica

O Proxecto IMAGINA ATLANTICA foi presentado a través do Negociado de Planificación á segunda convocatoria de proxectos 2009, do Programa de Cooperación Transnacional ESPAZO ATLÁNTICO 2007-2013, resultando aprobado tal e como consta na comunicación do 12 de xaneiro de  2010, recibida polo xefe de fila.

Obxectivo final do Programa de Cooperación Transnacional ESPAZO ATLÁNTICO 2007-2013:

O obxectivo final que se persegue é consolida-la cooperación existente mediante estruturas tanxibles para lograr resultados operativos, concentrando a cooperación a través dos 4 eixes ou prioridades de intervención seguintes:

  • Eixe 1.- Promove-la iniciativa empresarial transnacional e as redes de innovación.
  • Eixe 2.-  Protexer e mellora-lo medio mariño e costeiro.
  • Eixe 3.-  Mellora da accesibilidade e vínculos internos.
  • Eixe 4.- Promove-las sinerxías transnacionais no desenvolvemento sostible urbano e rexional.


Obxecto do Proxecto IMAGINA ATLANTICA:

O Proxecto IMAGINA ATLANTICA encáixase no Eixe 1 ou prioridade 1 (Promove-la iniciativa empresarial transnacional e as redes de innovación).

O obxectivo específico deste proxecto consiste no estímulo da conversión e a diversificación económica promovendo o potencial rexional a través dunha Axencia de Promoción das Novas Tecnoloxías da Imaxe a escala atlántica, que estea ó servizo  da posta en valor do patrimonio atlántico. A misión deste ente vai ser:

  • Implementar programas de intercambios profesionais (empresarios, técnicos e estudantes) en novas tecnoloxías da imaxe.
  • Desenvolver e ofrecer apoio financeiro ás artes e ó sector da imaxe en xeral.

O proxecto aposta por experimentar coa posta en funcionamento dun clúster (termo inglés que se emprega nos eidos tecnolóxico e empresarial para referirse a distintos agrupamentos ou conxuntos integrados de elementos) que poña en rede a creación de traxectos turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías da imaxe. Neste senso, desde a Deputación de Ourense tratarase de xerar un valor engadido ó Camiño de Santiago co gallo da celebración do Ano Santo 2010 (Xacobeo).

Socios do Proxecto IMAGINA ATLANTICA:

Participan neste proxecto entidades autonómicas, rexionais e locais, así como centros tecnolóxicos e da imaxe de catro países (España, Portugal, Francia e Gran Bretaña).

Orzamento do Proxecto IMAGINA ATLANTICA:

  • O orzamento total do proxecto ascende a 1.633.647,96 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER, que ascende a 1.061.871,17 euros.
  • O orzamento total atribuído á Deputación de Ourense é de 252.884 euros, dos que a Deputación achegará 88.509,4 euros (35%). O 65% restante (164.374,6    euros) está cofinanciado polo FEDER.

Período de execución:

Do 1 de xaneiro de  2010 ata o 31 de decembro de 2012.

Actividades do Proxecto IMAGINA ATLANTICA nas que participa a Deputación de Ourense:

As actividades do proxecto son:

  1. Preparación do proxecto. (Do 1/1/09 ó 28/2/10).
  2. Creación dun ¨pool¨ de competencias e recursos atlánticos da imaxe. Esta actividade consistirá en identificar e inventaria-los polos de imaxe existentes no territorio do Arco Atlántico (empresas, entidades de formación, equipamentos públicos, asociacións e outras entidades cuxa actividade está consagrada ó dominio da imaxe) (Do 1/3/10 ó 28/2/11). Un cluster é unha concentración de empresas, institucións e demais axentes, relacionados entre si por un mercado ou produto, nunha zona xeográfica relativamente definida, de modo que conforma en si mesma un polo (¨pool¨) de coñecemento especializado con vantaxes competitivas.
  3. Definición e posta en marcha de programas de intercambio para mozos profesionais e expertos. Definir e pór en funcionamento programas de intercambio transnacional de bolseiros, estudantes ou mozos profesionais. Definir e pór en marcha un programa de tres seminarios técnicos internacionais, ligados ás actividades do proxecto (Do 1/3/10 ó 31/01/13).
  4. Posta en valor do patrimonio atlántico e das súas capacidades de expresión. Pór en valor as capacidades de expresión de cada territorio para valoriza-lo patrimonio atlántico a través de: a animación de circuítos turísticos grazas ó apoio dun equipo transnacional de expertos e ó emprego das novas tecnoloxías da imaxe; a preconfiguración dunha Axencia de promoción IMAGINA ATLANTICA; a produción e circulación de creadores a través da organización dun concurso internacional e a súa promoción mediante a organización dunha conferencia de carácter internacional que terá lugar en Ourense (Do 1/09/10 ó 31/01/13).
  5. Grupo de traballo “Territorios Creativos”. Tratarase de capitaliza-lo conxunto de experiencias das actividades 2, 3 e 4 para elaborar unha estratexia de promoción dunha Eurorrexión Atlántica virtual das tecnoloxías da comunicación e da imaxe (Do 1/03/12 ó 31/01/13).
  6. Promoción internacional do cluster. Promoción do Cluster IMAGINA ATLANTICA e estudo das posibilidades para a súa consolidación máis alá da duración do proxecto (Do 1/01/11 ó 31/01/13).
  7. Xestión e coordinación. (Do 1/03/10 ó 28/02/13).

Neste marco, a Deputación de Ourense participará nas actividades 2, 3, 4, 5,  6 e 7. Será un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de mozos profesionais, para o que colaborará coa Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e Industria e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Ademais, será o socio encargado de organiza-la Conferencia Internacional que pechará o proxecto.

Páxina web do Proxecto IMAGINA ATLANTICA:proxecto Imagina Atlantica:  http://www.imagina-atlantica.eu/index.php/es/

 

FOTOS FLICKR