INICIO Novidades Expertos, alcaldes e técnicos analizaron en Ourense exemplos de boas prácticas para reducir a pega ...
Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
Expertos, alcaldes e técnicos analizaron en Ourense exemplos de boas prácticas para reducir a pegada do CO2
O seminario sobre "Planificación territorial e clima"(Proxecto CLIMATLANTIC) foi clausurado polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen presentou o "Manual de boas prácticas para a elaboración dun plan de participación social". Expertos, alcaldes e técnicos da administración local reuníronse o día 11 de abril nun seminario que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense para analizar exemplos de boas prácticas que contribúan a reducir a pegada do CO2. A xornada, enmarcada no título "Planificación territorial e clima" foi clausurada polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen presentou o "Manual de boas prácticas para a elaboración dun plan de participación social e a diagnose de sostibilidade da Axenda 21 no marco do Espazo Atlántico". Trátase dun documento, explicou Baltar, "que pon de releve as achegas como "goberno verde" que fai a Deputación de Ourense a prol da sostibilidade e as boas practicas medioambientais nos concellos da provincia, desenvolvendo proxectos que xeren impactos positivos no medio ambiente, na economía provincial e local e, por extensión, en toda a sociedade ourensá". Manuel Baltar destacou a importancia que en temas medioambientais ten a intermunicipalidade e a cooperación, e dixo que a Rede de municipios ourensáns cara a sostibilidade e o Observatorio da sostibilidade "serven como ferramenta de diagnose e difusión para concienciar os cidadáns e os gobernos locais da necesidade de levar a cabo accións que redunden na mellora do medio ambiente". Este proxecto medioambiental permite, segundo explicou o presidente, "achegarnos -porque nós tamén o somos- máis o rural ourensán coñecendo as boas prácticas municipais de éxito que deben divulgarse entre os concellos e destacando a través das enquisas os hábitos e opinións da poboación". Neste senso o traballo de campo realizado no proxecto revela que o 70,66% da poboación rural recicla; o 90,66% aforra auga e enerxía na medida que pode; o 74,66% bota en falla alternativas o transporte privado, e o 81,33% cre que actividades como este e a Axenda 21 son ferramentas útiles para sentirse parte da xestión pública. O seminario contou con expertos académicos e científicos de Galicia e Portugal que abordaron a temática de redución do CO2 dende diferentes ámbitos, como son as aplicacións para o transporte público, as innovacións en materia de enerxía e mobilidade, a sostibilidade e os residuos, e mesmo as accións que cada cidadán pode realizar no marco dunhas boas prácticas ambientais. A xornada foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e contou coa presenza de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, xefe de fila do proxecto, quen recordou os asistentes a importancia do cumprimento do obxectivo obrigatorio para tódolos países membros da UE, que se fixou para o ano 2020, da redución do 20% de emisións de gases contaminantes á atmosfera. Posteriomente, interviron expertos académicos e científicos de Galicia e Portugal que abordaron a temática de redución do CO2 dende diferentes ámbitos. Neste senso, o profesor Ricardo Bento da Universidade de Tras os Montes e Alto Douro, e o Director da Axencia de Ecoloxía do Eixo Atlántico (Vila Real (Portugal)), Francisco Pan-Montojo, enumeraron as posibles accións locais contempladas no resumo executivo do proxecto CLIMATLANTIC que podían ser levadas a cabo polos concellos desta provincia para a redución da pegada de carbono. Así mesmo, déronse a coñecer exemplos de boas prácticas locais e rexionais para a redución da pegada de carbono, levadas a cabo pola Deputación de Ourense, para todos os concellos da provincia de Ourense, destacando de entre elas o Plan Particip@ na Rede, executado dentro do Proxecto CLIMATLANTIC polo Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, así como iniciativas postas en marcha desde os concellos da provincia, como é o caso do servizo de transporte publico dos núcleos afastados dos centros de saúde do Concello da Merca, e o servizo de bicicletas de balde do Concello do Barco. Proxecto CLIMATLANTIC O Proxecto CLIMATLANTIC, cofinanciado ao 65% polo FEDER, prevé a realización de varios foros e seminarios nas diferentes sedes dos socios deste proxecto (École D´Ingénieurs La Rochelle (Francia), South-East Regional Authority (Irlanda), Eixo Atlántico (Galicia – Norte de Portugal) e na Deputación de Ourense. O obxectivo específico de CLIMATLANTIC é a posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono, referida ao CO2 que producimos os cidadáns na nosa vida diaria: a ida e volta en coche ó traballo, acender a luz da vivenda, un voo para ir de vacacións..., todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas, e cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen o quecemento global. O partenariado do proxecto está formado polo Eixo Atlántico (España - Portugal), South East Regional Authority (Irlanda) e a Escola de Enxeñeiros de La Rochelle. O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER que ascende a 1.346.076 euros. As actividades do Proxecto CLIMATLANTIC nas que participou a Deputación para contribuír á redución da pegada de carbono e a loita contra o cambio climático foron: a constitución de catro "Think Tank" para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible; realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución de emisións de gases efecto invernadoiro; promoción e realización de seminarios e congresos sobre esta temática, e posta en marcha de actividades de participación social de ámbito provincial dentro do Plan Particip@ na Rede. Para máis información: -Memoria do Plan Provincial Particip@: http://provinciasostible.depourense.es/descargas/categoria/memoria-plan-participa -Manual de Boas prácticas: http://provinciasostible.depourense.es/descargas/categoria/manual_boas_practicas
© 2010 Negociado de Planificación - Deputación de Ourense