INICIO Novidades Xornada de presentación do proxecto Gerês_Xurés_Dinámico (Pazo de Vilamarín, 17 de novembro de ...
Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
Xornada de presentación do proxecto Gerês_Xurés_Dinámico (Pazo de Vilamarín, 17 de novembro de 2017)
Xornada de presentación do proxecto Gerês_Xurés_Dinámico Esta iniciativa ten como obxectivo a dinamización conxunta da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés Ourense, 17 de novembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no Pazo de Vilamarín, na xornada de presentación do proxecto “Gerês_Xurés_Dinámico”, financiado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP 2014-2020)- Programa INTERREG V España Portugal, que ten como obxectivo a dinamización conxunta da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), a cal se localiza nos municipios de Calvos de Randín, Muíños, Lobios, Entrimo, Lobeira e Bande do lado galego; e Montealegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço do lado portugués. Pola súa parte, os seis municipios galegos están representados no partenariado pola Deputación de Ourense, mentres que os cinco portugueses son individualmente beneficiarios directos. Tamén forman parte do partenariado a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, como xestora da Reserva do lado galego e a Axencia de Turismo de Galicia como axente clave para o desenvolvemento turístico sostible da reserva. O principal obxectivo deste proxecto é fortalecer a entidade e identidade propia da RBTGX mediante o fomento da participación activa dos actores do territorio, a promoción do seu desenvolvemento económico e turístico sostible e a protección e conservación do seu patrimonio natural e cultural. En definitiva, o “Gerês_Xurés_Dinámico” pretende promover a protección e xestión sustentable dos recursos naturais da zona. Así pódese destacar que na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés hai –no que se refire aos valores naturais- 117 especies endémicas da Península Ibéricas e dúas exclusivas da zona. Na fauna salientan 204 especies protexidas nacional e internacionalmente e 71 incluídas no Libro Verde de Vertebrados de Portugal e, no relativo ao patrimonio cultural, hai abundantes vestixios da ocupación neolítica e romana, xunto con exemplos de arquitectura medieval. O orzamento total destinado a este proxecto ascende a preto de dous millóns de euros e a súa duración prolongarase ata o 31 de decembro de 2019. O proxecto Gerês-Xurés Dinámico está cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Catro actividades Para elo, levaranse a cabo, no marco deste proxecto, catro grandes actividades que traballen a prol destes obxectivos. A primeira delas refírese aos habitantes cun dobre obxectivo: sensibilizalos sobre os valores naturais e culturais asociados á reserva e a recuperación do patrimonio etnográfico, así como capacitalos para impulsar actividades económicas sostibles aproveitando os recursos endóxenos do territorio. A segunda actividade estaría orientada aos visitantes para situala, tanto a nivel nacional como internacional, como un destino de turismo de natureza sostible e de calidade para contribuír, polo tanto, ao desenvolvemento socioeconómico deste territorio. A terceira liña de traballo está dirixida aos escolares de toda a eurorrexión Galicia – Norte de Portugal para darlles a coñecer a RBTGX e implicalos na súa conservación, posta en valor e difusión. E, a última actividade do proxecto, está orientada aos xestores, no senso de proporcionarlles instrumentos para apoialos nas labores de conservación da biodiversidade deste territorio protexido. Programa da xornada No acto oficial da xornada en Vilamarín tamén participou o presidente do Conselho de Administração da ADERE-PG, Agugusto Marinho; o vice-presidente da Entidade Regional de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Jorge Magalhaes; a Secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado, a vice-presidente da CCDR-N, Ester Gomes da Silva; e da directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz López. Posteriormente, a presentación do proxecto correu a cargo da subdirectora xeral de Espazos Naturais, Nieves López Sánchez e da administradora-delegada da ADERE-PG, Sonia Almeida. Trala súa intervención foi a quenda para o debate, unha mesa redonda na que interviñeron algúns dos alcaldes da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés para abordar a cuestión das potencialidades e os obstáculos do desenvolvemento local na área da Reserva. XORNADA DE PRESENTACIÓN PROXECTO GERÊS_XURÉS_DINÁMICO Pazo de Vilamarín Parque de Vilamarín, Borulfe s/n, 32101 Vilamarín Ourense PROGRAMA (hora local) Día 17 de novembro de 2017 (Venres). 11h00 Acto oficial de presentación do proxecto José Manuel Baltar Blanco - Presidente da Deputación de Ourense Augusto Marinho - Presidente do Conselho de Administração da ADERE-PG Silvia Dorado – Secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense Jorge Magalhães – Vice-presidente da Entidade Regional de Turismo do Porto e Norte de Portugal (TPNP) Ester Gomes da Silva - Vice-presidente da CCDR-N Ana María Díaz López - Directora xeral de Patrimonio Natural 12h00 Presentación do proxecto Nieves López Sanchez - Subdirectora xeral de Espazos Naturais Sonia Almeida - Administradora-delegada da ADERE-PG 13h00 Debate (mesa redonda) entre alcaldes da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xures: Potencialidades e obstáculos do desenvolvemento local no área da Reserva Moderador: David Teixeira - Vice-presidente da Câmara Municipal de Montalegre Participantes: Israel León Rodríguez - Tenente-alcalde do Concello de Muiños Maria del Carmen Yañez Salgado - Alcaldesa do Concello de Lobios Ramón Alonso López - Alcalde do Concello de Entrimo João Esteves - Presidente da Câmara Municipal de Arcos de Valdevez Manoel Pombal - Presidente da Câmara Municipal do Município de Melgaço 14h00 I XORNADAS GASTRONÓMICAS GERÊS_XURÉS_DINÁMICO Taller de cociña, presentación e degustación a cargo do chef Martín Álvarez (Organización: Axencia de Turismo de Galicia) * Pendente de confirmación
© 2010 Negociado de Planificación - Deputación de Ourense