INICIO Presentación
Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
Presentación da Sección de Planificación e Seguimento de Investimentos

En abril de 2001, a Excma. Deputación Provincial de Ourense puxo en marcha unha Oficina Técnica de Fondos Europeos, dependente de Secretaría Xeral, que se encargaría de canalizar toda a información procedente da Unión Europea ós distintos concellos da nosa provincia. No 2005 esta oficina constituíuse como Negociado de Recursos Europeos e Desenvolvemento Local, integrándose no ano 2009 no Servizo de Xestión de Investimentos, Subvencións e Patrimonio.  Posteriormente pasou a denominarse Negociado de Planificación, dependente da Sección de Planificación e Seguimento de Investimentos. Na actualidade  a Sección de Planificación e Seguimento de Investimentos, dividese en dous negociados: o Negociado de Planificación e o Negociado de Seguimento de Investimentos.

A Unión Europea ofrece, para o período 2007-2013, unha ampla gama de programas que tratan de lograr un extenso desenvolvemento en diferentes campos, tales como o emprego, a xuventude, a cultura, o medio ambiente, as infraestruturas... que a nosa provincia non debe desaproveitar. É por isto que se creou primeiramente esta oficina sendo conscientes das dificultades dos pequenos concellos á hora de accederen á dita información. Co tempo tamén se ampliaron os obxectivos deste negociado, que ten como funcións básicas o deseño, elaboración e tramitación dos plans e programas de investimento, como xa se ten demostrado coas presentacións de numerosas iniciativas para o seu cofinanciamento a través do FEDER  (INTERREG IIIA, POCTEP (Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal), Espazo Atlántico, FEDER- Eixe 5 –Desenvolvemento Local e Urbano, etc.).

Co obxecto de facilita-lo acceso á información das iniciativas postas en marcha desde este negociado, créase este apartado na nosa páxina Web, no que, ademais da información dos proxectos, se seguen ofrecendo servizos como as noticias de actualidade europea, as últimas convocatorias, aquelas que están en vigor (todo iso incluído na newsletter que se actualiza mensualmente), aclaracións sobre como xestionalas, os enderezos de Internet máis interesantes nesta materia (permitindo un acceso directo dende a nosa páxina), así como un enderezo de correo electrónico a través do cal se poden efectuar consultas, quedando á disposición de tódalas persoas ou entidades interesadas.

      

© 2010 Negociado de Planificación - Deputación de Ourense