Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
Actividades do Proxecto IMAGINA ATLANTICA nas que participa a Deputación de Ourense

As actividades do proxecto son:

1. Preparación do proxecto.

2. Creación dun ¨pool¨ de competencias e recursos atlánticos da imaxe. Esta actividade consistirá en identificar e inventaria-los polos de imaxe existentes no territorio do Arco Atlántico (empresas, entidades de formación, equipamentos públicos, asociacións e  outras entidades cuxa actividade está consagrada ó dominio da imaxe). Un cluster é unha concentración de empresas, institucións e  demais axentes, relacionados entre si por un mercado ou produto, nunha zona xeográfica relativamente definida, de modo de conformar en si mesma un polo (¨pool¨) de coñecemento especializado con vantaxes competitivas.

3. Definición e posta en marcha de programas de intercambio para novos profesionais e expertos. Definir e  pór en funcionamento programas de intercambio transnacional de bolseiros, estudantes ou novos  profesionais. Definir e pór en marcha un programa de 3 seminarios técnicos internacionais, ligados ás actividades do proxecto.

4. Posta en valor do patrimonio atlántico e as súas capacidades de expresión. Pór en valor as capacidades de expresión de cada territorio para valoriza-lo patrimonio atlántico a través de: a animación de circuítos turísticos grazas ó apoio  dun equipo transnacional de expertos e ó emprego das novas tecnologías da imaxe; a preconfiguración dunha Axencia de promoción IMAGINA ATLANTICA; a produción e circulación de creadores a través da organización dun concurso internacional e a súa promoción mediante a organización dunha conferencia de carácter internacional que terá lugar en Ourense.

5. Grupo de traballo “Territorios Creativos”. Tratarase de capitaliza-lo conxunto de experiencias das actividades 2, 3 e 4 para elaborar unha estratexia de promoción dunha Eurorrexión Atlántica virtual das tecnoloxías da comunicación e da imaxe.

6. Promoción internacional do Cluster. Promoción do Cluster IMAGINA ATLANTICA e estudo das posibilidades para a súa consolidación máis alá da duración do proxecto.

7. Xestión e coordinación.

Neste marco, a Deputación de Ourense participará nas actividades 2, 3, 4, 5,  6 e 7. Será un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de novos profesionais, para o que colaborará coa Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e Industria e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), así como a Escola de Artes ¨Antonio Faílde¨. Ademais, será o socio encargado de organiza-la Conferencia Internacional que pechará o proxecto.

Galería de imaxes relacionadas co Proxecto Imagina Atlántica

1ª Conferencia Europea das Industrias e dos Territorios Creativos (13-14 Decembro 2012, Angouleme)

Visita dos bolseiros da Deputación de Ourense para o Proxecto IMAGINA ATLANTICA en Angouleme (Francia)

Seminario de intercambios de profesionais do Proxecto IMAGINA ATLANTICA (Angouleme, 23-24 Novembro 2010)