Novas

Actuación 3: Mellora do contorno natural e a calidade Medioambiental

A DEPUTACIÓN DE OURENSE DESTINA 2 MILLÓNS DE EUROS PARA CENTROS DE TRANSFORMACIÓN DE BIOMASA

A Deputación de Ourense anunciou a licitación do procedemento aberto para a contratación da concesión de obra pública consistente no deseño, construción e explotación de tres centros de transformación de biomasa (CTB) no marco dos Proxectos “Terras do Avia”, “Delorur” e “Arraiano”, cofinanciados mediante axudas FEDER para o período 2007/2013, cunha achega máxima da Deputación para a execución material das obras de 1.896.000,00 euros.

O funcionamento dos centros de biomasa de Ourense consistirá na recollida e almacenaxe da materia prima forestal para a súa transformación nun produto adecuado para o seu uso en centrais de biomasa ou outros centros de consumo de biomasa. En liñas xerais, as operacións que levan a cabo son: almacenaxe de materias primas, triturado, secado natural e almacenaxe de produto preparado para uso na central de biomasa.

Os tres centros terán a capacidade de procesar, no seu conxunto, 100.000 toneladas anuais de biomasa referidas á tonelaxe anual de entrada, sendo os seus labores a captación de biomasa complementaria á xerada nas vías da Deputación de Ourense; a pesada dos vehículos de transporte de biomasa e a súa carga e descarga; a trituración e estelado; a almacenaxe ata a expedición e venda da biomasa e a comercialización da biomasa procedente das vías da Deputación de Ourense, así como a de calquera outra procedencia, anterior á súa transformación nos CTB. Os ingresos do concesionario polo desenvolvemento da actividade son os que se deriven da venda no mercado da biomasa procesada no CTB e outros subprodutos que resulten da actividade.

As prestacións básicas que realice o adxudicatario en cumprimento deste contrato serán as seguintes:

  1. Achega-los terreos necesarios para a instalación dun CTB no ámbito territorial de influencia de cada un dos tres proxectos citados, é dicir, tres CTB en total.
  2. Deseña-las instalacións, entregando o correspondente proxecto construtivo que deberá incluír toda a documentación esixida polo artigo 107 da Lei 30/2007, do 30 de outubro.
  3. Executa-las obras de construción e instalación dos tres CTB, de acordo cos proxectos presentados, logo da supervisión e aprobación destes pola Deputación provincial.
  4. Explota-las instalacións durante o prazo da concesión, ó seu risco e ventura, sen prexuízo do mantemento do equilibrio económico-financeiro do contrato nos termos considerados para a súa adxudicación.

A execución das obras de construción e instalación dos tres CTB será financiada pola Deputación Provincial de Ourense, no marco das axudas FEDER concedidas, polo importe máximo de 1.896.000,00 euros, coas achegas anuais de 758.400,00 euros (exercicio 2009) e 1.137.600,00 euros (exercicio 2010). O concesionario deberá asumi-lo custo da construción e instalación dos CTB se excede da cantidade indicada anteriormente.
Os interesados poden consultar toda a información no Boletín Oficial da Provincial de Ourense n.º 242, e na web da Deputación de Ourense, no apartado “perfil do contratante” (www.depourense.es), na que se publican íntegros os pregos de condicións para a contratación. As proposicións deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación, ata o día 30 de novembro de 2009, logo do envío do anuncio de licitación ó DOUE.

A importancia socioeconómica da biomasa.

Hoxe en día ninguén dubida da importancia da biomasa coma fonte de enerxía. Esta materia orgánica orixínase nun proceso biolóxico, de tal xeito que calquera substancia orgánica de orixe vexetal ou animal -incluíndo os materiais que resultan da súa transformación natural ou artificial- pode ser unha fonte enerxética despois dun axeitado proceso de transformación. A biomasa forestal primaria é a fracción biodegradable dos produtos e residuos xerados nos montes e que son procesados con fins enerxéticos. Os principais materiais vexetais que constitúen a biomasa forestal son:

  • Produtos derivados de tratamentos silvícolas: pólas e ramas procedentes de traballos de poda; pés procedentes de cortas de aclareo, cortas fitosanitarias ou pés afectados por incendios forestais.
  • Restos de cortas: ramas e cotelas procedentes de cortas finais antes da rexeneración dos bosques e de cortas intermedias.
  • Leñas procedentes de árbores esmoucadas e de pés non madeirables: ramas e troncos de pés mal formados.
  • Cultivos enerxéticos leñosos e herbáceos: realízanse con plantacións de alta densidade e quendas moi curtas, seleccionando as especies segundo a cantidade de biomasa que producen.

As novas políticas enerxéticas e ambientais están a converte-lo combustible biomasa forestal nun elemento esencial das políticas enerxéticas tanto nos países desenvolvidos como en desenvolvemento. En termos ambientais, a utilización da bioenerxía xoga un dobre e positivo papel. Por unha banda, a combustión da biomasa produce a mesma cantidade de CO2 que antes consumiu, deixando o sistema en equilibrio, salvo a enerxía utilizada no seu manexo, transporte e preparación.

En termos socioeconómicos, a extracción, transformación e utilización da bioenerxía son actividades xeradoras de emprego, particularmente en zonas rurais, que no caso contrario son abandonadas, o que comporta unha falta de aproveitamento dos montes, unha acumulación de combustible forestal e, consecuentemente, un perigo de incendios.