Novas

Actuación 4: Mellora da accesibilidade e mobilidade natural e a calidade Medioambiental

A DEPUTACIÓN DE OURENSE DESTINA 550.000 EUROS PARA A MELLORA DO ESPAZO PÚBLICO, MEDIO AMBIENTE E PAISAXE URBANA DAS 7 VILAS INTEGRADAS NOS PROXECTOS ARRAIANO, DELORUR E TERRAS DO AVIA PARA O ANO 2009.


A Deputación de Ourense aprobou achegas por un importe total de 550.000 euros para a mellora de espazos públicos das vilas das comarcas de Valdeorras, A Limia, Monterrei, O Ribeiro e O Carballiño. En concreto, as subvencións irán destinadas a peonalización, pavimentación, renovación de mobiliario urbano, supresión de barreiras arquitectónicas e illotes soterrados.

Na comarca de Valdeorras, os concellos do Barco de Valdeorras, Viana do Bolo e A Rúa, recibiron da Deputación Provincial un investimento de 252.000 euros para realizar obras que permitirán acondicionar rúas, suprimir barreiras arquitectónicas e levar a cabo melloras ambientais. No Barco de Valdeorras as subvencións irán destinadas á supresión de barreiras arquitectónicas no antigo edificio consistorial, para o cal se destina unha partida de 44.113 euros; e tamén se instalarán illotes soterrados (contedores de lixo soterrados) no núcleo urbano, obra que se realizará cunha partida de 39.936 euros. Viana do Bolo é outro dos concellos beneficiados con estas axudas, que irán destinadas á pavimentación das rúas San Román, Bolado e Santa Marta, para o cal se destinan 84.000 euros. Pola súa banda, o Concello da Rúa recibirá tamén da Deputación unha subvención de 84.000 euros para a mellora do espazo público e mellora ambiental e paisaxística do Aguillón.

Na comarca do Carballiño e O Ribeiro, levarase a cabo na vila do Carballiño a peonalización e pavimentación da rúa comercial Cánovas del Castillo, para o cal se destina unha partida de 32.800 euros, e renovarase o mobiliario urbano na praza da alameda e no núcleo urbano da vila, por importe de 32.050 e 24.886 euros, respectivamente. Pola súa banda, en Ribadavia acometerase a mellora do espazo público en varias rúas, unha das cales será a rúa do Progreso. Neste caso o investimento total para as obras elévase a 89.600 euros.

Ademais nas vilas das comarcas da Limia e Monterrei, levarase a cabo en Xinzo de Limia a pavimentación e a remodelación do mobiliario urbano e contedores na Praza Maior, destinando para isto unha partida de 59.500 euros; mentres que en Verín se realizará a instalación e reparación de contedores soterrados, por un importe de 60.000 euros.