Áreas de actuación
A Deputación de Ourense investirá en 51 concellos da provincia, durante os anos 2008, 2009 e 2010, un total de 10.721.322 euros nos Proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA.
Os proxectos ARRAIANO, DELORUR e TERRAS DO AVIA presentados pola Deputación de Ourense, foron aprobados no ano 2008 polo Ministerio de Política Territorial, estando encadradas nas axudas do FEDER – Eixe 5, Desenvolvemento Local e Urbano, dentro do Programa Operativo Rexional de Galicia. Cada un destes proxectos está dividido en cinco áreas de actuación que son:
a.1) Fomento da sociedade da información e novas tecnoloxías.
a.2) Promoción económica: creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación produtiva e a mellora das infraestruturas e servizos locais.
a.3) Mellora do contorno natural e a calidade medioambiental.
a.4) Mellora da accesibilidade e mobilidade.
a.5) Protección e preservación do patrimonio cultural.

Os proxectos están cofinanciados ó 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) sendo xestionados polo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos (negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións).
- Importe total proxecto ARRAIANO (2008, 2009, 2010): 4.271.025,67€
- Importe total proxecto DELORUR (2008,2009, 2010): 3.315.044,94€
- Importe total proxecto TERRAS DO AVIA (2008, 2009, 2010): 3.135.251,10€
Esta convocatoria é produto das orientacións estratéxicas comunitarias 2007-2013 que conceden unha atención especial ás necesidades específicas de determinados territorios, como son as zonas urbanas e rurais, estimulando a aplicación dun enfoque integrado da política de cohesión, que non só debe favorecer o crecemento e o emprego, senón tamén perseguir obxectivos sociais e medioambientais.
A Deputación de Ourense presentou en total cinco proxectos que abarcaban a totalidade das comarcas da provincia, resultando dous proxectos denominados TERRAS DO SIL e TERRAS DE CELANOVA aprobados, mais sen dotación orzamentaria. Neste intre estase á espera que por parte do Ministerio de Política Territorial se poida financia-los proxectos por medio da habilitación da correspondente partida orzamentaria, ou polo contrario, a Deputación de Ourense presentara de novo os proxectos actualizados á vindeira convocatoria do Eixe 5 – Desenvolvemento Local e Rural, que se prevé a finais do ano 2010.