INICIO Novidades Unha conferencia internacional reunirá en Ourense a profesionais do audiovisual para debater sobre ...
Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
Unha conferencia internacional reunirá en Ourense a profesionais do audiovisual para debater sobre "Territorios creativos"
Enmárcase no Proxecto IMAGINA ATLÁNTICA e terá lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" os días 27 e 28 de xuño. A Deputación de Ourense organizará, dentro das actividades do Proxecto IMAGINA ATLANTICA, unha conferencia internacional sobre "Territorios Creativos" que terá lugar os días 27 e 28 de xuño no Centro Cultural "Marcos Valcárcel". O evento reunirá en Ourense a profesionais do audiovisual, a ilustración e as novas tecnoloxías, procedentes de Galicia, Francia, País de Gales e Portugal. Este proxecto de innovación e I+D posibilitou a realización de actividades de promoción do patrimonio do Espazo Atlántico, nas que destaca as novas ferramentas para a promoción da Ribeira Sacra (aplicacións para móbiles e tabletas sobre en catro idiomas: galego, castelán , inglés e portugués), e a futura remodelación do Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas, que se presentarán na Conferencia. Así mesmo, déuselles a oportunidade a novos creadores para a realización de prácticas e difusión das súas producións, priorizando os recursos existentes e dando lugar á creación e promoción do emprego xuvenil neste ámbito. Entre as actividades realizadas no proxecto IMAGINA ATLANTICA deseñáronse programas de intercambio de estudantes e profesionais; realizáronse seminarios técnicos internacionais, e creáronse produtos e circuítos turísticos e culturais utilizando os recursos patrimoniais e as capacidades de expresión dos territorios. Ademais, realizouse un concurso de obras de arte numérica, implicando unha posta en común de recursos do espazo atlántico, así como a circulación dos creadores a través de accións colectivas de produción orientadas á valorización do patrimonio histórico. Tamén se creou unha plataforma virtual para a publicación e difusión dos novos creadores e un espazo de colaboración entre os profesionais, estudantes, novos creadores e formadores. Desta maneira, facilítase a circulación dos novos creadores, o que permitirá aos gañadores do Concurso de Arte Dixital expoñer as súas obras en Ourense durante a celebración da Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que a institución provincial "foi un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de novos profesionais, destacando as bolsas para estadías en Angouleme –o referente banda deseñada europea-, para as que foron seleccionados algúns dos profesionais galegos da ilustración máis recoñecidos como son o ourensán David Rubín, Santy Gutiérrez, Iván Súarez, Jano Viñuela ou Sergio Covelo". Así mesmo, visitaron Angouleme recoñecidos profesionais como o director de cine de Animación, Ángel de la Cruz, e o director do Festival Internacional de Cine de Animación On-Line Animacam, Xosé Luís Carneiro. Así mesmo, realizáronse accións de fomento de intercambios entre centros formativos, posibilitando desta maneira a visita dun grupo de alumnos da Escola de Artes "Antonio Failde" a diferentes escolas e empresas de Angouleme. O prazo de incricións para a "Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos" está aberto e pódense realizar as solicitudes a través da web da conferencia, así como coñecer o programa da desta: http://planificacion.depourense.es/territorioscreativos. Para máis información: 616 948 104.
© 2010 Negociado de Planificación - Deputación de Ourense