INICIO Novidades A Deputación de Ourense modernizará o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra, en San Pedro de ...
Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
A Deputación de Ourense modernizará o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra, en San Pedro de Rocas
Investiranse uns 60.000 euros, cofinanciados ao 65% polo FEDER, co obxectivo de difundir o patrimonio cultural da Ribeira Sacra a través das novas tecnoloxías. Durante o mes de agosto levarase a cabo a modernización dos contidos do Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas, propiedade da Deputación de Ourense, no marco do Proxecto Imagina Atlantica -cofinanciado ao 65% polo FEDER-, cun investimento de 59.183 euros. O proxecto consiste na posta en marcha dun proxecto piloto para a difusión do patrimonio cultural na Ribeira Sacra a través das novas tecnoloxías, coa finalidade de musealización e promoción turística. A través deste proxecto preténdese preservar, difundir e pór en valor o patrimonio cultural, histórico, artístico e medioambiental da Ribeira Sacra a través do uso das novas tecnoloxías, tendo como fin a creación dun equipamento para a dinamización e conservación do patrimonio cultural, histórico-artístico e medioambiental (patrimonio inmaterial, lendas, mosteiros, fauna e flora da Ribeira Sacra). Entre as novidades contempladas na renovación do Centro de Interpretación está a dotación de rede Wifi ao contorno de San Pedro de Rocas. O uso maioritario de teléfonos intelixentes, como xa é o caso dos aplicativos xa implementados no Proxecto IMAGINA ATLANTICA na Ribeira Sacra, fai necesaria a incorporación dunha solución tecnolóxica óptima nunha zona con baixa cobertura de Internet, para permitir a dotación dunha rede Wifi ao Centro de Interpretación de San Pedro de Rocas, que permita descargar as aplicacións a teléfonos móbiles así como dar acceso aos códigos QR existentes. Por outra banda, modernizarase equipamento expositivo do Centro de Interpretación, substituíndo os paneis informativos existentes por outros cun novo deseño, coa incorporación de dous novos idiomas (inglés e portugués); mellorando o equipamento audiovisual; incorporaranse pantallas táctiles e apartados manipulativos, así como outras melloras tecnolóxicas que permitan coñecer dunha forma didáctica e interactiva a vida monacal e os oficios e lendas da Ribeira Sacra. Asemade, realizarase un portal web do Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monacal para dar a coñecer o centro de San Pedro de Rocas, e os aplicativos para móbiles e tabletas da Ribeira Sacra, xa dispoñibles, para Android (Google Play) e iPhones. De igual modo, realizaranse melloras relacionadas coa eficiencia enerxética co conseguinte aforro de enerxía mediante a dotación de sensores nas salas para que só prendan as luces cando haxa visitantes. Imagina Atlántica Esta actividade englóbase nas actuacións xa desenvolvidas ao longo dos últimos anos dentro do Proxecto IMAGINA ATLANTICA, como foron os programas de intercambio de estudantes e profesionais, os seminarios técnicos internacionais, o concurso de arte dixital, a creación dunha plataforma virtual para a publicación e difusión dos novos creadores e un espazo de colaboración entre os profesionais, estudantes, novos creadores e formadores, e a celebración en Ourense da Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos. A Deputación de Ourense foi un socio especialmente activo na preparación e execución do programa de intercambio de novos profesionais, destacando as bolsas para estadías en Angouleme –o referente da banda deseñada europea-, para as que foron seleccionados algúns dos profesionais galegos da ilustración máis recoñecidos como son os ourensáns David Rubín e Idoia de Luxan, Santy Gutiérrez, Iván Súarez, Jano Viñuela ou Sergio Covelo. Así mesmo, visitaron Angouleme recoñecidos profesionais como o director de cine de Animación, Ángel de la Cruz, e o director do Festival Internacional de Cine de Animación On-Line Animacam, Xosé Luís Carneiro. Tamén se realizaron accións de fomento de intercambios entre centros formativos, posibilitando desta maneira a visita dun grupo de alumnos da Escola de Artes ¨Antonio Failde¨a diferentes empresas e escolas de Angouleme.
© 2010 Negociado de Planificación - Deputación de Ourense