INICIO Novidades A DEPUTACIÓN DE OURENSE AMOSÁ A TRAVÉS DUNHA RECONSTRUCIÓN VIRTUAL O FORTE ROMANO DE AQUIS QUERQ ...
Joomla Just for Sharing - Joomla Club Templates and Extensions
A DEPUTACIÓN DE OURENSE AMOSÁ A TRAVÉS DUNHA RECONSTRUCIÓN VIRTUAL O FORTE ROMANO DE AQUIS QUERQUENNIS
O proxecto Aquis 3D inclúe a elaboración de seis vídeos nos que se combinan actores reais cunha minuciosa recreación en tres dimensións do forte romano no momento do seu uso por un continxente militar romano e localizado ao carón da Vía Nova, a calzada romana que comunicaba Bracara (Braga) con Asturica (Astorga). O obxectivo é difundir a través dun formato de vídeo adaptado a Internet o coñecemento do xacemento arqueolóxico, a vía e o entorno do Gerês-Xurés a un visitante internacional, así como fortalecer a comprensión do sitio arqueolóxico a través das tecnoloxías máis empregadas polos visitantes. Os vídeos están distribuídos en Internet en galego, castelán, portugués e inglés, a través da súa publicación nun web e nas principais plataformas de vídeo, así como nunha aplicación para Android e iOS que os usuarios poderán descargar de balde. Esta aplicación permite, a través dunha visita autoguiada, poder coñecer o estado orixinal das estruturas romanas no momento de máxima actividade da fortificación, explorando espazos como as portas, as tullas, os barracóns, ou as instalacións do comandante. O sistema detectará a posición do usuario no interior do campamento e automaticamente lle amosará a súa recreación virtual. A recreación 3D afonda nas relacións entre a poboación local e o continxente militar romano, achegando unha visión novidosa na presentación habitual da información turística destes campamentos, que tradicionalmente os presentan como sitios arqueolóxicos aillados do seu contorno. Deste xeito, os vídeos amosarán o forte romano como un espazo de poder insertado nun territorio con estruturas sociais e políticas previas. Así mesmo, a clave dos vídeos é o relato humano e social, indo máis alá dunha recreación arquitectónica para axudar a coñecer ás xentes que viviron no forte ou nas poboacións próximas. Vídeos e soportes dixitais (web e aplicación) dispoñibles: http://www.aquisquerquennis.es https://www.youtube.com/channel/UCbP8_jaJ-ldOItcKTd784yw/featured
© 2010 Negociado de Planificación - Deputación de Ourense