A Deputación de Ourense participa nun proxecto para previr os efectos do cambio climático nos recursos termais
A institución provincial é unha das entidades beneficiarias do proxecto ThermEcoWat do Interreg SUDOE que ten como obxectivo achegar ferramentas de gobernanza colaborativa para lograr unha mellor coordinación no uso das fontes termais así como o seu impacto socioeconómico
A Deputación obterá dos fondos FEDER un orzamento de 142.499 euros para levar a cabo as distintas actuacións incluídas neste proxecto
Ourense, 18 de decembro de 2023.– O Comité de Seguimento do programa Interreg VI-B Sudoe vén de aprobar o proxecto ThermEcoWat, do que a institución provincial é unha das entidades beneficiarias. Ten como obxectivo desenvolver accións transversais entre científicos, institucións públicas e actores económicos para achegar ferramentas de gobernanza colaborativa que melloren a coordinación no uso das fontes termais, estimulando a posta en valor dos recursos endóxenos.
Xunto á Deputación son socios deste proxecto: por parte de Francia, Thermauvergne, asociación que reúne 11 centros termais da rexión de Auvernia, Lemosín e o sur de Borgoña quen actúa como coordinador e o BRGM Auvergne-Rhône-Alpes Site de Clermont Ferrand; de Portugal, Termalistur, Termas de S. Pedro do Sul e o Laboratório Nacional de Energia e Geologia, I.P. Laboratório de Geologia e Minas; e de España, o municipio barcelonés de Caldes de Montbui, o Institut Cartogràfic i Geològic de Catalunya e o GEOPLAT – Plataforma Española en Geotermia. Ademais, o Inorde é unha das catorce entidades asociadas ao proxecto.
Dun proxecto que ten un orzamento total de 2.028.076 euros á Deputación de Ourense, lle corresponden 189.999 euros dos cales 142.499 son investimento de fondos FEDER para promover unha xestión hídrica sostible neste sector estratéxico para a provincia.
Os obxectivos deste proxecto son poñer en valor e protexer o recurso hídrico termal a través da caracterización das fontes termais, mellorar a resiliencia das comunidades termais no que atinxe á xestión sostible dos recursos hídricos e mellorar tamén a gobernanza colaborativa dos ecosistemas socioeconómicos vencellados coa explotación de fontes termais, especialmente como catalizadoras de desenvolvemento rural e creación de emprego.