Proxecto RETALER
REDE TRANSFRONTEIRIZA DE AUTORIDADES LOCAIS EN ENERXÍAS RENOVABLES
A Deputación de Ourense aposta polas enerxías renovables a través do Proxecto RETALER (Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables).
A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Planificación (antigo Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos), presentou, conxuntamente coa case totalidade das entidades locais españolas e portuguesas fronteirizas, no ano 2009, un proxecto á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2007-2013, e resultou aprobado. O proxecto conta cun orzamento total de 2.157.000 €, cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O Proxecto RETALER ten como obxectivo a cooperación temática en enerxías renovables entre autoridades locais españolas e portuguesas, co fin de promove-la súa implantación, desde un enfoque integrado e homoxéneo que cubra a fronteira hispano-lusa, que supere as áreas tradicionais de cooperación e responda ós retos do espazo transfronteirizo.
OBXECTIVO XERAL DO PROXECTO:
Reforza-la cooperación entre as autoridades locais e provinciais no campo das enerxías renovables, mediante a transferencia de boas prácticas e metodoloxía, así como a definición conxunta de políticas e proxectos transfronteirizos, co obxecto de darlles resposta, desde o nivel local, ós principais retos das zonas transfronteirizas:
A. Diversificación das actividades nas zonas para loitar contra o seu despoboamento.
B. Solución dos problemas ambientais e de tipo ecolóxico que se manifestan particularmente nas zonas rurais.
C. Desenvolvemento de redes interactivas transfronterizas.
D. Implantación de modelos sostibles de ordenación do territorio.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS DO PROXECTO:
- Favorece-la implantación transfronteiriza das enerxías renovables nos ámbitos de actuación das entidades locais, en especial, nos municipios radicados en áreas rurais, para lograr un desenvolvemento sostible, que reduza as diferenzas na materia, existentes entre os núcleos urbanos e os rurais.
- Artellar estratexias de desenvolvemento territorial equilibradas, que se concreten en plans estratéxicos transfronteirizos de cooperación e se fundamenten na explotación económica das potencialidades das enerxías renovables, en especial, en relación á xeración e consolidación do emprego.
- Promove-la competitividade das economías locais para responder ós retos presentados polo cambio climático, recoñecendo no aforro e a eficiencia enerxética un instrumento do crecemento económico e do benestar social.
- Contribuír a controlar e a diminuí-las emisións de dióxido de carbono á atmosfera, en liña cos requirimentos comunitarios e o Protocolo de Kioto, mediante a aplicación de medidas de aforro e a optimización enerxética a nivel municipal, propiciando a diversificación de fontes.
- Promove-la concreción de propostas conxuntas, propiciando a implementación de solucións específicas de aforro enerxético entre os municipios das zonas transfronteirizas.
- Optimizar un modelo transfronteirizo de capacitación e formación entre os actores e axentes implicados, que permita a realización de proxectos conxuntos, a mellora dos equipamentos enerxéticos dependentes dos municipios, así como a efectiva transferencia dos progresos desenvoltos por cada socio.
- Contribuír ó cambio de mentalidade en materia de aforro enerxético a través da difusión de boas prácticas entre os cidadáns, promovendo un comportamento máis racional e responsable no consumo de enerxía.
Área de intervención do Proxecto RETALER.
A área de intervención do Proxecto RETALER abarca tódalas rexións (NUTS II) e a maioría das provincias transfronteirizas (NUTS III), tanto de España como de Portugal. Cobre, polo tanto, unha superficie de 132.146 km2, que supón ó redor dun 97% da superficie total do territorio do Programa de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP). En canto á poboación beneficiaria, sitúase en torno ós 4.500.000 habitantes, o que representa un 83% da poboación, do ámbito básico do POCTEP. A maioría dos territorios dos socios caracterízanse polo afastamento dos grandes centros de demanda e de actividade económica. Conxuga unha densidade demográfica moi débil, con taxas regresivas de crecemento da poboación, sendo unha característica común o alto grao de envellecemento da poboación. Ademais, en moitos destes territorios, predominan as áreas rurais.
A área seleccionada pretende supera-las divisións administrativas rexionais para sentar unhas bases de acción comúns, que permitan levar a cabo actuacións en materia de enerxías renovables, nos territorios beneficiarios. Perséguese, por unha banda, homoxeneiza-las prácticas e políticas desenvoltas en cada territorio e, por outro lado, incluí-lo enfoque local e supramunicipal nelas. Preténdese cubri-la fronteira a través da cooperación temática en materia de enerxías renovables, que teña como fundamento o intercambio de experiencias e boas prácticas, entre entidades que contan con diferentes bagaxes e graos de actividade no campo das enerxías renovables.
Desta forma, contribúese a reforza-lo enfoque integrado que require o Programa de Cooperación Transnacional (POCTEP), levándoo máis alá das áreas tradicionais de cooperación dos socios.
Área de actuación do Proxecto RETALER:
- Portugal: Norte, Centro, Alentejo e Algarve (Minho-Lima, Cávado, Alto Trás-os-Montes, Douro, Beira Interior Norte, Beira Interior Sul, Alto Alentejo, Alentejo Central e Algarve; así como Ave, Porto, Tâmega).
- España: Galicia (Ourense), Castela e León (Salamanca, Zamora), Estremadura (Cáceres e Badaxoz) e Andalucía (Huelva).
Constituír unha rede transfronteiriza de autoridades locais en enerxías renovables.
O Proxecto RETALER pretende contar coa colaboración dos axentes sociais e coas autoridades de ámbolos lados da fronteira, para levar a cabo unha serie de accións conxuntas que permitan o desenvolvemento, a creación de emprego e o despregue das enerxías renovables, potenciando as relacións técnicas profesionais, comerciais e sociais entre ámbolos lados da fronteira. Preténdese levar a cabo unha cooperación temática en materia de enerxías renovables entre autoridades locais, para promove-la súa implantación, desde un enfoque integrado e homoxéneo que cubra a fronteira, supere as áreas tradicionais de cooperación e responda ós retos do espazo transfronteirizo.
Na maioría dos territorios dos socios, téñense desenvolvido actuacións puntuais en materia de enerxía. Non obstante, a nivel local, aínda son insuficientes as iniciativas na materia, pese a ser un campo prioritario de actuación para as autoridades públicas. Dada a importancia que a implantación e a divulgación de aplicacións das enerxías renovables posúe, especialmente en relación coa redución de emisións, a contribución ó desenvolvemento sostible e equilibrado dos territorios e as súas potencialidades de xeración de emprego, cómpre artellar unha resposta de carácter transfronteirizo, con enfoque local. Procede, polo tanto, formular una estratexia conxunta que, desde o nivel local, favoreza a implantación das enerxías renovables nos concellos e colabore co aforro enerxético e orzamentario. Ademais esta estratexia oriéntase cara a un desenvolvemento territorial equilibrado, xa que maioritariamente se benefician zonas rurais, fixando poboación no rural e pondo en valor os seus recursos.
Actividades do Proxecto RETALER que desenvolverá a Deputación de Ourense
En concreto, a Deputación de Ourense, que xunto con outra entidade galega, o Eixo Atlántico, participa como socio no proxecto, centrará as súas actividades, por unha banda, na realización dunha serie de estudos que permitan avalia-las potencialidades do aproveitamento da biomasa na provincia, así como as posibilidades de implantación de diversos centros de transformación da biomasa (CTB), e, por outra, no desenvolvemento dun proxecto piloto que permita o aproveitamento enerxético das augas procedentes das estacións depuradoras de augas residuais da provincia. Por último, tamén realizará unha serie de auditorías en edificios e instalacións públicas que permitan un maior aforro e eficiencia enerxética, así como participará no intercambio de boas prácticas, sensibilización e formación.
O Proxecto RETALER propón solucións concertadas en materia de enerxías renovables ó nivel das distintas comunidades de traballo existente ó longo da fronteira, ofrecendo un enfoque transversal inédito debido á participación de organizacións que representan a case totalidade do espazo da fronteira hispano-lusa.
A Deputación de Ourense ten un custo total flexible de 250.000 €.
Porcentaxe cofinanciada polo FEDER: 75% (187.500 €).
Máis detidamente a Deputación de Ourense participará nas seguintes accións:
Actividade 1: estudos/plans/guías transfronteirizas para a implantación de enerxías renovables na Raia.
No marco da actividade 1 levaranse a cabo diferentes estudos, coa función de seren ferramentas para a planificación e ordenación dos recursos enerxéticos nos territorios beneficiarios. Por esta razón, non só orientarán a realización dalgúns dos proxectos piloto propostos en RETALER, senón tamén as actuacións propias dos socios no exercicio das súas competencias.
1.1. Estudo sobre “As potencialidades da biomasa no desenvolvemento do espazo raiano” (recompilación de estudos das diferentes áreas provinciais fronteirizas (NUTIII)).
1.2. Estudos sobre “As potencialidades da biomasa en varias provincias (NUTS III)¨. Caracterización e avaliación do potencial de biomasa existente na área beneficiaria. Desenvolvemento dunha estratexia sostible do uso da biomasa.
1.3. Estudo para a implantación de centros de transformación de biomasa (CTB) na provincia de Ourense.
1.4. Propostas de modificación e/ou adaptación das ordenanzas municipais para a promoción da utilización das tecnoloxías de enerxías renovables en edificios municipais (sistemas solares térmicos e/ou fotovoltaicos), con especial referencia á súa implantación en áreas sensibles (núcleos históricos e edificios clasificados). Ordenanzas estándar para tódolos concellos de Ourense en materia enerxética.
1.5. Auditorías de edificios e instalacións públicas da Deputación de Ourense.
- * Auditoría de aforro enerxético.
- * Auditoría en materia de seguridade en instalacións eléctricas.
- * Eficiencia enerxética a nivel municipal.
Actividade 2. Proxectos piloto en materia de enerxías renovables.
No marco da actividade 2, preténdese levar a cabo unha variedade de proxectos piloto conxuntos, en instalacións públicas, que sirvan de modelo para a implantación de aplicacións das enerxías renovables, en tódolos territorios do proxecto. Deste xeito, a través da transferencia de metodoloxías, documentos e know-how, tódalas entidades participantes poderán executar, por si mesmas, un amplo abano de actuacións.
2.1. Recuperación de enerxía en estacións depuradoras de augas residuais (Proxecto RECUPEDAR).
Aproveitamento enerxético das augas procedentes das estacións depuradoras de augas residuais da provincia de Ourense.
O Proxecto RECUPEDAR propón o aproveitamento da enerxía hidráulica producida polas augas residuais da propia planta depuradora, así como para compensa-lo gasto enerxético producido no bombeo da auga potable.
Actividade 3 . Intercambio de boas prácticas, sensibilización e formación
No desenvolvemento da actividade 3, divulgaránselles a tódolos socios as actuacións que cada socio levará a cabo no seu territorio, nas que poderán participar. Ademais, as actividades de divulgación pretenden chegar a tódolos axentes e actores locais, así como sensibiliza-los cidadáns sobre o potencial e as vantaxes das enerxías renovables.
Accións nas que participan tódolos socios (accións comúns):
1. Creación e actualización da páxina web bilingüe do proxecto.
2. Integración da información e os resultados na web das entidades participantes.
3. Creación dun folleto bilingüe do proxecto.
4. Catálogo conxunto de boas prácticas en materia de eficiencia e aforro enerxético.
5. Formación de xestores enerxéticos municipais e provinciais (Rede GEM).
6. Accións de difusión e divulgación a través da web, seminarios e mass media. Divulgación en eventos de terceiros dos resultados e produtos. Divulgación a outros espazos transfronteirizos da Unión Europea.
7. Estancias de transferencia. Intercambio de experiencias técnicas: formación conxunta, sesións de transferencia, estancias en entidades, desenvolvemento de propostas conxuntas en ámbitos de interese financiadas ou non por fondos estruturais.
8. Cursos de formación para diferentes destinatarios (alcaldes, técnicos e cidadáns), baseados en módulos formativos comúns de aplicación transfronteiriza.
Xornadas técnicas en materia de: iluminación (exterior e interior, novidades en iluminación. Cadros, sistema de regulación/control). Presente e futuro de enerxías renovables. Sistemas de telexestión. Sistema de optimización de facturas/ferramentas para os xestores enerxéticos municipais (XEM). Financiamento.
9. Seminarios transfronteirizos.
10. Concorrencia a premios ás mellores prácticas nacionais e europeas (IDAE, Comisión Europea, entre outros).
Accións do socio galego Eixo Atlántico, que terán implantación na Provincia de Ourense:
- Publicación de: dous libros sobre enerxías renovables, unidades didácticas sobre enerxías renovables, así como sobre as Xornadas sobre presente e futuro das enerxías renovables na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
- Campañas didácticas sobre enerxías renovables.
- Realización dunha xornada técnica en Portugal sobre o presente e o futuro das enerxías renovables na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Ligazóns: