O novo proxecto europeo de turismo sostible, impulsado polo Eixo Atlántico, será liderado pola Deputación de Ourense

Turismo Sostible Deputación de Ourense

Esta mañá debateuse en Ourense, entre dez entidades do Espazo Atlántico Europeo, un novo concepto estratéxico de turismo sostible que favoreza a cohesión territorial ao mesmo tempo que merma as consecuencias negativas do turismo masivo. Esta proxecto, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico e impulsado polo Eixo Atlántico, é liderado pola Deputación de Ourense.

Nesta reunión, presidida por Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, participaron socios das rexións atlánticas de Portugal, Galicia, Francia e Irlanda. Todas elas, maioritariamente cunha economía fortemente terciaria e cun perfil turístico baseado na cultura e a natureza, teñen en común o importante peso do turismo no seu PIB. Isto implica a necesidade dun turismo sostible como, por exemplo, o da Ribeira Sacra, onde esta situación condicionou a presentación da candidatura de Patrimonio da Humanidade felizmente desbloqueada fai dúas semanas. 

Non obstante, tamén se trata de territorios cunha gran cantidade de atractivos, tanto patrimoniais como naturais, pero dispersos, a diferencia dos grandes centros turísticos internacionais que concentran todo o patrimonio nunha urbe ( Lisboa, París, Berlín). Por iso, o proxecto POST identifica e desenvolve os conceptos de turismo de autor e turismo policéntrico, co obxectivo de xerar produtos turísticos de excelencia que non só capten mercado de calidade e poder adquisitivo, senón que redistribúa a afluencia e o gasto dos turistas entre todas as poboacións que ofrezan atractivos turísticos e, especialmente, entre os recursos locais, evitando que se beneficien exclusivamente cadeas hoteleiras alleas ao territorio. 

POST non só é cofinanciado por Interreg Espazo Atlántico, senón que despertou o interese da área de turismo da Comisión Europea, quen manifestou o seu interese en monitorizar os avances do proxecto. Isto abre as portas a que os avances do mesmo poidan ser contemplados e impulsados polas futuras políticas europeas de turismo.

No plano administrativo, o proxecto contará cun orzamento total de 1.547.964,45 € para desenvolver as súas actividades en catro anos, estando cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa Interreg Espazo Atlántico..

O programa Espazo Atlántico promove o desenvolvemento das rexións costeiras, incluíndo os seu hinterland, e dicir, as provincias alonxadas da costa, non só a franxa marítima, para acadar a súa cohesión territorial. O turismo é un sector que debe transformar os recursos do territorio en actividade económica sostible, pero prevendo os efectos negativos derivados dunha xestión inadecuada, como son, por exemplo, a presión sobre o territorio e o deterioro do patrimonio.

No caso concreto da provincia de Ourense, o seu liderado non só o asume pola súa importancia no Eixo Atlántico, senón que tamén se trata dunha ferramenta complementaria de gran valor estratéxico para o desenvolvemento do termalismo, un dos seus eixos principais no ámbito turístico e económico, xunto coa Ribeira Sacra, e no que Ourense é un dos líderes a nivel internacional.